Wednesday 08 de May de 2024

San Sadurniño licita en 228.000 euros o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar


O procedemento establece un mínimo de 3.800 horas a maiores das que xa ofrece o Concello con persoal propio

Desde este 22 de marzo figuran na Plataforma de Contratación os pregos técnicos e administrativos do servizo que reforzará de aquí a mediados de 2023 a atención domiciliaria que presta o Concello. O orzamento base da licitación convocada ascende a 228.436,21 euros para toda a duración do contrato, que complementará o traballo do SAF municipal en atención á dependencia e libre concorrencia con alomenos 3.800 horas a maiores. Nestes momentos o Servizo de Axuda no Fogar conta cunhas 55 persoas usuarias, de maneira que a ampliación da bolsa de horas permitiría prestar axuda a entre 10 e 15 persoas máis e reducir a lista de agarda, ademais de garantir a atención a todas as persoas co máximo grao de dependencia. As empresas do sector que queiran participar no proceso deben presentar as súas propostas por vía electrónica antes das 00.00h. do 7 de abril.

O contrato licítase por un período inicial de dous anos con posibilidade de ampliación por outros dous. Tal e como reflicte a documentación publicada na Plataforma de Contratación, o procedemento de selección e adxudicación da oferta máis vantaxosa farase mediante procedemento aberto e pluralidade de criterios.

De acordo con estes últimos valorarase con ata 50 puntos a parte económica, con outros 30 puntos a oferta de horas adicionais sen custe para o Concello, cun máximo de 10 puntos contarase a formación do persoal e, por último, outorgaranse ata 10 puntos polas propostas que inclúan un paquete de limpezas de choque en domicilios que así o requiran.

O mínimo que deberán propor as empresas ou persoas físicas que concorran ao contrato son 3.800 horas anuais -que poden incrementarse coa bolsa adicional presentada na oferta-, tendo en conta que o servizo deberá prestarse segundo unhas estritas condicións reflectidas nos pregos técnicos.

Neles aparecen cinco grandes apartados onde se definen as funcións que se deben desenvolver: atención persoal na realización de actividades básicas -axuda para erguerse e deitarse, apoio para lavarse e vestirse, axuda para comer, cambios posturais, etc.-, atención na realización doutras actividades -acompañamento fóra do fogar para ir ao médico ou para facer trámites-, atención ás necesidades domésticas e da vivenda -limpeza, merca de alimentos e preparación de comidas, lavado de prendas, etc.-, atencións de carácter complementario -facer compaña, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables- e, en quinto lugar, atención de carácter psicosocial e educativo que redunden, igual que os anteriores apartados, nunha mellora da autonomía e da calidade de vida das persoas usuarias.

Os pregos tamén marcan os horarios de atención: de luns a domingo -incluídos festivos- de 8.00 a 21.30h. para persoas en situación de dependencia e de 8.00 a 21.30h. de luns a venres -agás festivos- para persoas usuarias de libre concorrencia.

Neste momento San Sadurniño conta cunha media de 55 persoas asistidas polo SAF dentro dos tres graos que determinan o número de horas de atención á que teñen dereito, dependendo das necesidades recoñecidas polos equipos de valoración da Xunta. O servizo préstao un equipo de 18 traballadoras municipais e finánciase con recursos propios, achegas da administración autonómica e da Deputación da Coruña.

O contrato que agora está en fase de licitación vén reforzar o labor que fan as traballadoras do SAF incrementando o número de horas ofertadas, que pasará das 24.000 a cerca de 28.000. O aumento suporá eliminar a lista de agarda no grao máximo de dependencia e unha redistribución das horas dispoñibles que tamén axudará a rebaixar a lista no grao intermedio e na libre concorrencia. Estímase que as case 4.000 novas horas de atención cubrirán as necesidades de entre 10 e 15 persoas máis.